Exposición DOMÉSTICA. O obxecto contemporáneo na Colección de Arte Afundación, en Ourense
A cidade das Burgas acolle "DOMÉSTICA. O obxecto contemporáneo na Colección de Arte Afundación", unha exposición que aborda o obxecto desde unha perspectiva contemporánea con obras do século XX ao XXI, pertencentes á Colección de Arte Afundación. Combinan elementos tradicionais do xénero das naturezas mortas cunha perspectiva innovadora e conceptual, buscando transmitir emocións e reflexións sobre a vida e a sociedade actuais. Os obxectos representados son tanto cotiáns coma simbólicos, convidando a cuestionar o seu significado e a se mergullar nun mundo visualmente impactante e provocador.
Estamos ante unha visión global que abrangue desde propostas formais próximas ao impresionismo, o cubismo ou o hiperrealismo, ata chegar ao conceptual, e que conforma un exemplo incomparable das múltiples expresións da plástica galega.
Visítaa do 19 de febreiro ao 13 de xuño de 2026 na Sala de Exposicións Afundación Ourense.
VISITAS GUIADAS con Xiana Méndez
INAUGURAL | 19 FEB | 19.00 h - Reserva a túa praza!
PÚBLICO XERAL | 5 MAR, 9 ABR, 7 MAI, 4 XUÑ | 19.00 h
DE BALDE (Máx. 25 persoas)
Podes asistir á mostra e ás visitas guiadas cunha pequena doazón de alimentos non perecedoiros a través do noso programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS. Máis información.
OBXECTOS NA MESA
Os obxectos que se incorporan a unha obra axudan a establecer un contexto cultural, social ou histórico. Son ferramentas narrativas que guían a mirada do espectador e enfatizan certos aspectos da composición. Nestas diferentes mesas encontramos obxectos que desempeñan un papel fundamental na creación do significado da obra, xa sexa porque teñen un valor simbólico, por tratarse de elementos de contexto, instrumentos descritivos ou xeradores de emocións. As pezas de Carlos Maside, Luis Seoane ou Rafael Alonso son arquetipos do bodegón clásico pola súa harmoniosa disposición dos elementos dentro da composición. Ao tempo, fan uso de distintos recursos formais que transitan desde o realismo ata os limiares da abstracción.
NATUREZAS DE INTERIOR
A natureza entendida como representación da beleza do efémero permite os artistas conxelar o tempo coas súas pinceladas, captar a súa exuberancia e fraxilidade, e reflexionar con iso sobre a fugacidade e o paso da vida. Esta dualidade entre a vida e a morte faise evidente nos bodegóns, onde a flora é atrapada e amosada como unha celebración da abundancia, pero, á súa vez, é o reflexo da constante transformación do mundo que nos rodea. O realismo co que Alfredo Souto representa un xerro con rosas, o delicado floreiro que roza a abstracción de Tino Grandío ou a ilustración botánica de Perianes, onde a vanitas é tan real que se representa con insectos que devoran a obra, son bo exemplo diso. Todos logran capturar un instante fugaz no que apreciar a beleza mesmo despois de que a materia xa non exista. Cada pincelada convértese nun momento eterno preservado para a posteridade.
PAREDES PINTADAS
Nesta escolma de obra, a coidada distribución dos obxectos sobre os muros e a ausencia explícita da figura humana dan como resultado ambientes ateigados de quietude e calma que conseguen acadar unha atmosfera intimista. Son obras de metapintura, isto é, que xogan co «cadro dentro do cadro», a pintura referénciase a si mesma ao tempo que consegue transmitir unha sensación de tranquilidade e harmonía ao espectador. Nas silandeiras propostas de Elena Gago, repletas dunha dilixente lírica visual, a artista explora a relación entre o conxunto e o detalle, e convídanos a mergullarnos nun espazo tridimensional grazas ao seu exhaustivo estudo compositivo.
LUCES DE CRISTAL
A ilusión de profundidade e tridimensionalidade que as ventás achegan a unha obra contribúe a dar volume, luz e percorrido á composición. Esta quimera conseguida polo vidro xoga un papel crucial na narrativa visual, ao permitir ao artista levar a mirada a un mundo alén da superficie plana do lenzo, ampliando con iso a dimensión do tema. Francisco Llorens, M.ª Victoria de la Fuente, Argüelles e Xaime Quessada fannos partícipes desta ficción nas súas obras. A través do uso da luz, as sombras e os reflexos, invítannos a explorar a ilusión de realidade que se atopa ao fondo do cadro, cara a un mundo aínda por descubrir. A ventá de Monroy, ao contrario, é unha ventá no primeiro termo, que asume todo o protagonismo da escena.
A METÁFORA DO OBXECTO
Utilizar obxectos cotiáns como símbolos ―o obxecto como unha metáfora visual― é un recurso que os artistas empregan de maneira recorrente, invitando o espectador a participar da obra como se se enfrontase a unha adiviña, para descifrar cal é o concepto ou idea que se encerra no obxecto retratado. Así ocorre, por exemplo, nos tres peóns de xadrez de Carlos Rial, na botella que derrama líquido (que en realidade é sólido) de Xurxo Oro Claro ou na cama de Goyanes, como soporte e alegoría do corpo, e máxima expresión de intimidade. Os obxectos desta escolma mergúllannos en territorios profundo e complexos que van máis alá do literal.
A MIRADA FRAGMENTADA
Un patrón pódese definir como a repetición dun elemento de acordo cun certo criterio. É un principio da arte e do universo mesmo. Os patróns, a fragmentación e o ritmo están detrás destas composicións heteroxéneas que resultan fascinantes, intrigantes e mesmo hipnóticas. Tal é o caso do vibrante xogo de texturas de Lamazares, o casi simbólico reflexo de Luis Alcántara ou a táboa rítmica, case musical, de Rafael Úbeda, que, entre outras propostas, contemplamos como auténticos poemas visuais.
Estas obras da Colección de Arte Afundación combinan elementos tradicionais do xénero das naturezas mortas cunha perspectiva anovadora e conceptual.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para te informares sobre outras actividades escénicas.